é voVI CONCVRSO DE CVLTURA CLÁSICA
ODISEA 2011


Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (SEEC) convoca a sexta edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia.
Terá lugar entre os días 31 de xaneiro e o 4 de febreiro (primeira fase), e os días 7-11 e 14-18 de febreiro de 2011 (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla no calendario adxunto.
Nesta edición volveremos contar coa participación na Comunidade Valenciana das seccións da SEEC de Valencia-Castellón e de Alacant, e por vez primeira participará no concurso a sección da SEEC de Aragón. A súa celebración coincidirá nas mesmas datas en todas as Seccións.
Este certame, malia que aberto a todos os alumnos e as alumnas dos Centros, está dirixido principalmente aos profesores e alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego, e non pretende outra cousa que sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días.
Recordamos que a idea orixinal deste concurso debémoslla ás profesoras Ángeles Burgos e María F. Loira , dos departamentos de Grego e Latín do IES “David Buján” de Cambre, non sendo este máis que unha versión “en liña” do seu concurso.
As preguntas cinxiranse ao currículo de Cultura Clásica, Latín e Grego que se ensina nos centros e, como se establece nas bases, cada día versarán sobre temas concretos.
Este ano, como novidade, o concurso versará sobre a muller en Grecia e Roma e con ese motivo a escritora Isabel Barceló, gran admiradora da antigüidade grecorromana, escribiu estas palabras para a presentación de Odisea 2011:
“É fundamental nos nosos días contemplar o pasado no seu conxunto. Se deixamos fóra do campo de visión ás mulleres, a nosa percepción das sociedades antigas será parcial, distorsionada e inxusta. As mulleres aportaron ás sociedades de todos os tempos tanto como os homes. transmitiron a vida, foron creadoras e transmisoras de cultura; regalaron coidados e afectos, aspectos fundamentais para o desenvolvemento da personalidade humana; contribuíron á economía e ao equilibrio social; padeceron os mesmos males que todos os demais. No bo e no malo, foron actoras sociais.
Negarlles o papel que historicamente desempeñaron non só é unha inxustiza, senón que ten efectos no presente: a falta de respecto xeral cara ás mulleres, as dificultades para que accedan a postos de decisión e de relevancia profesional e social, a continua necesidade de xustificar as súas esixencias, son algúns deses efectos.
Paga a pena combater todos eses prexuízos e perxuízos recuperando a memoria das mulleres do pasado. Aprender a coñecelas, valoralas, amalas. Darlles o recoñecemento que merecen, volvelas á memoria e á vida. Facerlles e facernos xustiza”.
A nosa nave xa correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar dos centros de toda Galicia e, unha vez máis, nesta sexta singladura, ansiamos chegar á nosa illa sans e salvos e tamén máis sabios. Deixemos aos nosos alumnos e alumnas que se enfronten como modernos heroes ás preguntas e disfruten da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo, que cheguen sós a Ítaca e culminen a súa viaxe sen consultar ao oráculo máis que o estrictamente necesario!
BASES
I. O concurso consistirá en responder ás preguntas que cada día se publiquen na páxina web do concurso <http://www.odiseaconcurso.org>
II. Poderá participar o alumnado matriculado nos Centros Oficiais de ensino Secundario de Galicia durante o curso 2010/2011, formando equipos de tres membros como máximo. Estes equipos deberán contar cun profesor ou profesora responsable. Un mesmo profesor poderá ser responsable de varios equipos.
III. A inscrición dos equipos realizarase entre os días 11 e 28 de xaneiro de 2011, ambos inclusive, cubrindo o formulario de inscrición directamente na WEB do concurso <http://www.odiseaconcurso.org>. Unha vez cuberto, cada equipo recibirá no correo-E do profesor responsable unha clave para poder concursar.
IV. Os tres primeiros días (31 de xaneiro e 1 e 2 de febreiro) sairán publicadas tres “preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica.
V. No cuarto día (xoves 3 de febreiro) sairán publicadas outras “preguntas-pistas” e un “preguntón”, de maior dificultade que as preguntas ordinarias: a resposta do “preguntón” virá dada polas iniciais das respostas correctas destas “preguntas-pistas”, seguindo a orde de publicación das mesmas. Estas preguntas serán todas elas sobre a muller na Literatura grecolatina.
VI. Os equipos participantes terán que responder ás preguntas cubrindo directamente o formulario que sairá publicado na WEB do concurso.
VII. Só no caso excepcional de avería do sistema informático poderán ser admitidas as respostas por correo-E ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org, sempre e cando conste no mesmo a clave, nome do grupo e profesor responsable.
VIII. Por cada pregunta correctamente respondida obteranse 5 puntos e o erro suporá o desconto de 1 punto. Se se acerta o “preguntón” obteranse 10 puntos e por cada resposta acertada das preguntas-pistas para chegar á solución obteranse 2 puntos máis; por cada erro descontarase 1 punto.
IX. Non se poden deixar preguntas sen responder (en branco) tanto nas tandas de preguntas dos tres primeiros días como no “preguntón”, xa que ao facelo así quedarían anuladas todas as demais da serie.
X. Nas respostas non se admitirán abreviaturas e deberase respectar a correcta ortografía das palabras. Ex: Sócrates e non Socrates; cínico e non cinico.
XI. As “preguntas, preguntas-pistas e preguntón” terán sempre que ser respondidas cunha soa palabra, quedando automaticamente invalidadas as que consten de máis dunha palabra na súa resposta.
XII. Cando se pida expresamente a resposta en latín deberase usar esta lingua e poñer a palabra tal e como vén no dicionario, en caso nominativo singular / 1ª persoa singular se é verbo, a non ser que se dea outra indicación.
XIII. As transcricións de palabras gregas deberanse ater ás normas de transcrición ao galego ou castelán. Calquera transcrición a outras linguas será considerada como un erro. Para a transcrición de palabras gregas en xeral e dos nomes propios gregos pódense consultar os enlaces que se dan nas FAQ.
XIV. Existe na páxina web unha relación de preguntas e respostas frecuentes (FAQ) relativas á correcta participación no concurso. Non esquezades, polo tanto, consultalas, porque vos poden servir de gran axuda e evitar erros innecesarios.
XV. Cada día publicaranse na web as respostas correctas ás preguntas ou preguntón do día anterior e a orde de clasificación dos equipos.
XVI. O resultado provisional darase, se non hai empate, o venres 4 de febreiro de 2011, deixando este día para atender ás reclamacións, se as houbese.
XVII. O resultado final desta primeira fase darase o luns 7 de febreiro. En caso de empate a puntos procederase segundo o establecido nos puntos seguintes.
XVIII. No caso de que só un equipo obteña a máxima puntuación, non haberá desempate. O resto de premios ordenaranse en relación ao tempo empregado.
XIX. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao primeiro premio celebrarase un desempate que consistirá nun novo preguntón que se publicará na WEB na tarde do mércores 9 de febreiro.
XX. Este desempate terá lugar nas dependencias dun dos centros designados pola organización, ao menos un por provincia, e será vixiado por un responsable da mesma.
XXI. No desempate as preguntas versarán sobre todos os temas que saíron nas anteriores fases do concurso.
XXII. En caso de novo empate a puntos na disputa polo primeiro premio será o gañador o equipo que empregase menos tempo en responder a este “preguntón” de desempate, e con este mesmo criterio adxudicaranse o segundo e o terceiro premio se fose o caso.
XXIII. O resultado provisional deste desempate darase o xoves 10 de febreiro, quedando este día para atender ás reclamacións, se as houbese.
XXIV. O resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso, darase o venres 11 de febreiro.
XXV. Para participar na fase Estatal as diferentes seccións deberán comunicar a SEECGALICIA os datos dos equipos gañadores das súas respectivas seccións antes do luns 14 de febreiro.
XXVI. Os equipos gañadores nas súas respectivas Seccións competirán entre si nunha segunda fase Estatal, cun preguntón que sairá publicado na tarde do mércores 16 de febreiro na web do concurso.
XXVII. Este desempate terá lugar nas dependencias do centro gañador ou, se non é posible, nun centro designado pola organización, e será vixiado por un responsable da mesma.
XXVIII. O resultado provisional darase o xoves 17 de febreiro, quedando este día para atender as reclamacións, se as houbese.
XXIX. O resultado final desta fase Estatal farase público o venres 18 de febreiro.
XXX. Na fase local o xurado estará composto polos membros da directiva da sección galega da SEEC seguintes:
XXXI. Na fase Estatal o xurado estará composto por dous representantes de cada sección.
XXXII. Establécense os seguintes premios na fase local:
XXXIII. Establécese o seguinte premio na fase estatal, aportado a partes iguais entre as seccións participantes:
XXXIV. A entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia terá lugar no marco da inauguración do festival de teatro greco-latino a celebrar o día luns, 14 de marzo de 2011, no auditorio Gustavo Freire de Lugo. Os equipos gañadores e os seus profesores estarán invitados ás representacións.
XXXV. En caso de calquera reclamación ou consulta estas dirixiranse ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org
CALENDARIO
Do martes 11 ata o venres 28 de xaneiro: inscrición dos equipos na web de SEECGalicia.
Luns 31 de xaneiro, martes 1 e mércores 2 de febreiro: As “preguntas” sairán publicadas na web do concurso e deberán ser contestadas polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:00 h. do día seguinte.
Xoves 3 de febreiro: O “preguntón” coas súas “preguntas-pistas” sairá publicado o a partir das 9:00 h. e deberá ser contestado polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:00 h. do día seguinte.
Venres 4 de febreiro de 2011. Publicación do resultado provisional da primeira fase local. Atención de reclamacións.
Luns 7 de febreiro. Publicación do resultado definitivo desta primeira fase local.
Mércores 9 de febreiro. Desempate entre equipos empatados a puntos cun novo preguntón que se publicará na WEB ás 16:30 horas e terá que ser contestado antes das 19:30 horas.
Xoves 10 de febreiro, publicación do resultado provisional deste desempate. Atención de reclamacións.
Vernes 11 de febreiro, publicación do resultado definitivo do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso.
Luns 14 de febreiro, data límite para a comunicación a SEECGalicia dos gañadores das diferentes seccións.
Mércores 16 de febreiro, competición entre os equipos gañadores das diferentes seccións mediante un preguntón que que se publicará na WEB do concurso ás 16:30 horas e terá que ser contestado antes das 19:30 horas.
Xoves 17 de febreiro, publicación do resultado provisional da fase Estatal. Atención de reclamacións.
Venres 18 de febreiro. Publicación do resultado definitivo da fase estatal da Odisea 2011.
Luns, 14 de marzo de 2011: entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia no marco da inauguración do festival de teatro grecolatino Lugo 2011 no auditorio Gustavo Freire de Lugo.

Santiago de Compostela, a 17 de decembro de 2010