XVI CONCURSO DE CULTURA CLÁSICA

ODISEA 2021

A Sección galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos (S.E.E.C.) convoca a décimo sexta edición do concurso ODISEA, no que poderán participar todos os alumnos e alumnas que así o desexen, pertencentes a calquera dos Centros Oficiais de Ensino Secundario de Galicia

Terá lugar entre os días 22, 23, 24 e 25 de marzo (primeira fase), e os días 14 e 21 de abril (desempate local e fase final estatal respectivamente), segundo se detalla no calendario adxunto.

Nesta edición participarán as seccións da SEEC de Andalucía (Seccións de Cádiz, Córdoba, Granada-Jaén-Almería, Málaga e Sevilla-Huelva), Aragón, Asturias (en colaboración coa Asociación asturiana de profesores de Latín y Griego “Céfiro”), Canarias, Galicia, Extremadura, Salamanca-León, Valencia-Castellón, Valladolid, Madrid, La Rioja e a Associació de Professorat de Llengües Clàssiques de Catalunya (APLEC).

Este certame, malia que aberto a todos os  alumnos e as alumnas dos Centros, está dirixido principalmente aos profesores e alumnos de Cultura Clásica, Latín e Grego, e non pretende outra cousa que sacar a Cultura Clásica das aulas, alomenos por uns días.

Recordamos que a idea orixinal deste concurso debémoslla ás profesoras Ángeles Burgos González e María F. Loira Santiago, dos departamentos de Grego e Latín do IES “David Buján” de Cambre, non sendo este máis que unha versión “en liña” do seu concurso.

A súa celebración coincidirá nas mesmas datas en todas as Seccións.

As preguntas cinguiranse ao currículo de Cultura Clásica, Latín e Grego que se ensina nos centros e, como se establece nas bases, cada día versarán sobre aspectos concretos do tema elixido en cada edición.

Navegaremos nesta nova aventura de ODISEA 2021 achegándonos a un novo tema: A saude e a enfermidade en Grecia e Roma.

INTRODUCCIÓN

A nosa nave xa correu innúmeras aventuras na navegación polo proceloso mar dos centros de toda Galicia e, unha vez máis, nesta nova singladura, ansiamos chegar á nosa illa sans e salvos e tamén máis sabios. Deixemos aos nosos alumnos e alumnas que se enfronten como modernos heroes ás preguntas, e desfruten da satisfacción das respostas encontradas co seu esforzo, que cheguen sós a Ítaca e culminen a súa viaxe sen consultar ao oráculo máis que o estrictamente necesario.

Xuramento Odiseico

Xuro por Apolo médico e por Asclepio e por Hixía e por Panacea e todos os deuses que me embarcarei nesta nave de Odisea  co corazón limpo, a mente aberta e as ganas de aprender no camiño, como bo Ulises que son. Farei un oco entre as miñas obrigas no instituto para formarme e prepararme para esta odisea 2021.
Pretexereime e protexerei aos demais, con todos os medios ao meu alcance contra a efermidade que condiciona agora as nosas vidas ata límites nunca sospeitados.
Gozarei buscando información en libros e mediante as TIC, que é do pouco  que nos quedou incólume nestes tempos de pandemia real que estamos a vivir.
Xogarei con todas as miñas forzas, desexando gañar e competindo contra os meus contrincantes e rexeitarei todo tipo de trampas.
Aceptarei a derrota no seu momento, se se produce; e alegrareime da victoria se chego a gañar.
E, sobre todo, saberei que terei aprendido cada día que me adestre para esta Odisea 2021 sobre a saúde e a enfermidade en Grecia e Roma, e mesmo terei colaborado a espallar o coñecemento dos nosos antepasados sobre este tema.
Grazas á miña aprendizaxe, serei máis consciente de que nese saber antigo está a raíz, a orixe, dos coñecementos científicos dos nosos sanitarios, que estudan moito e traballan para loitar contra a enfermidade.
Así pois, se observo este xuramento sen quebrantalo, séxame dado gozar do meu concurso e dos meus estudos e ser honrado para sempre entre os meus compañeiros; máis se o quebranto e cometo perxurio, sucédame o contrario
”.

 

 

BASES

I. O concurso consistirá en responder ás preguntas que cada día se publiquen na páxina web do concurso <http://www.odiseaconcurso.org>.

II. Poderá participar o alumnado matriculado nos Centros Oficiais de ensino Secundario de Galicia durante o curso 2020/2021, formando equipos de tres membros como máximo. Un mesmo alumno non poderá participar en máis dun equipo. Estes equipos deberán contar cun profesor ou profesora responsable. Un mesmo profesor poderá ser responsable de varios equipos.

III. A inscrición dos equipos realizarase entre os días luns, 11 de xaneiro e o venres, 19 de marzo de 2021, ambos inclusive, cubrindo o formulario de inscrición directamente na WEB do concurso. Unha vez cuberto, cada equipo recibirá no correo-E do profesor responsable unha clave para poder concursar. Unha vez comezado o concurso non se poderá substituír a ningún compoñente dos equipos.

IV. Os tres primeiros días (22, 23 e 24 de marzo) sairán publicadas tres preguntas” que versarán sobre temas relacionados coa Cultura Clásica:

V. No cuarto día (xoves, 25 de marzo) sairán publicadas outras “preguntas-pistas” e un “preguntón”, de maior dificultade que as  preguntas ordinarias: a resposta do “preguntón” virá dada polas iniciais das respostas correctas destas “preguntas-pistas”, seguindo a orde de publicación das mesmas. Estas preguntas serán todas elas sobre a Saude  e a enfermidade na Literatura grecolatina.

VI. Os equipos participantes terán que responder ás preguntas cubrindo directamente o formulario que sairá publicado na WEB do concurso.

VII. Só no caso excepcional de avaría do sistema informático poderán ser admitidas as respostas por correo electrónico ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org sempre e cando conste no mesmo a clave, nome do grupo e profesor responsable.

VIII. Por cada pregunta correctamente respondida obteranse 5 puntos. Se se acerta o “preguntón” obteranse 10 puntos e por cada resposta acertada das preguntas-pistas para chegar á solución obteranse 2 puntos máis.

IX. Non se poden deixar preguntas sen responder (en branco), tanto na serie de preguntas dos tres primeiros días como no “preguntón”, xa que, ao facelo, anúlanse todas as demáis da serie.

X. Nas respostas non se admitirán abreviaturas e deberase respectar a correcta ortografía das palabras. Ex: Sócrates e non Socrates; cínico e non cinico. Tampouco poderá engadirse ningún caracter tal como comiñas [“”], puntos [.], comas[,], parénteses [()], espazos [ ], etc.

XI. As preguntas, preguntas-pista e “preguntón” terán sempre que ser respondidas cunha soa palabra, quedando automáticamente invalidadas as que consten de máis dunha palabra na súa resposta.

XII. Só se admitirá a resposta en latín cando se pida de forma expresa nesta lingua. Nese caso deberase escribir o nominativo singular da palabra, tal e como vén no dicionario, a non ser que se dea outra indicación (caso dos pluralia tantum). Non se poderá engadir ningún tipo de signo diacrítico: diérese, macrón, acentos, etc.

XIII. As transcricións de palabras gregas deberanse ater ás normas de transcrición ao galego ou castelán. Calquera transcrición a outras linguas será considerada como un erro.  Tamén se considerará un erro a transliteración da palabra grega. Para a  transcrición de palabras gregas en xeral e dos nomes propios gregos, así como a diferencia entre transcrición e transliteración, pódense consultar os enlaces que se dan nas FAQ (preguntas frecuentes).

XIV. Existe na páxina web unha relación de preguntas e respostas frecuentes (FAQ) relativas á correcta participación no concurso. Non esquezades, polo tanto, consultalas, porque vos poden servir de gran axuda e evitar erros innecesarios.

XV. Cada día publicaranse na web as respostas correctas ás preguntas ou “preguntón” do día anterior e a orde de clasificación dos equipos.

XVI. O resultado provisional publicarase, se non hai empate, o venres 26 de marzo de 2021, deixando este día para atender as reclamacións, se as houbese.

XVII. O resultado final desta primeira fase publicarase o 29 de marzo de 2021. No caso de empate a puntos procederase segundo o establecido nos puntos seguintes.

XVIII. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao segundo ou terceiro premio no haberá desempate. O gañador dos mesmos será aquel equipo que empregue menos tempo en responder ao “preguntón”.

XIX. Concederase un só premio por centro. No caso de que 2 ou máis equipos do mesmo centro quedaran clasificados para obter máis dun premio, outorgarase un único premio ao equipo que tivera obtido mellor puntuación ou, en caso de empate a puntos, ao que tivera empregado menos tempo en responder ao "preguntón". Se máis dun equipo dun mesmo centro quedase clasificado para o primeiro premio, aplicarase a regra seguinte.

XX. En caso de empate a puntos entre equipos que opten ao primeiro premio celebrarase un desempate que consistirá nun novo “preguntón” que publicarase na web na tarde do mércores 14 de abril. Neste novo “preguntón” só permitirase a participación de 1 equipo por centro, aquel que tivera empregado menos tempo en responder ao “preguntón do cuarto día. Se por algunha razón este equipo non puidese realizar dito desempate, o seu posto poderá ser ocupado polo seguinte equipo do mesmo centro que, tendo os mesmos puntos, empregara menos tempo en responder. E así sucesivamente. O martes 13 de abril é a data límite para que os centros comuniquen á organización o equipo que participará no desempate da fase local.

XXI. Este desempate terá lugar nas dependencias dos centros designados pola organización, alomenos un por provincia, e será vixiado por un responsable da mesma. Os participantes deberán presentar o seu DNI e non se permitirá o uso do teléfono móvil, chats, redes sociais ou correo electrónico, nin a visita de persoas alleas ao concurso.

XXII. No desempate as preguntas versarán sobre todos os temas das anteriores fases do concurso. Levantarase acta de todo o proceso segundo o modelo proporcionado pola organización.

XXIII. En caso de novo empate a puntos na disputa do primeiro premio, será o gañador o equipo que tivera empregado menos tempo en responder a este “preguntón” de desempate, e con este mesmo criterio adxudicaranse os seguintes premios.

XXIV. O resultado provisional deste desempate publicarase o venres 16 de abril, e quedará reservado este día para atender as reclamacións, se as houbese.

XXV. O resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso, publicarase o luns 19 de abril. A resolución definitiva das reclamacións realizada pola Organización do concurso será inapelable.

XXVI. Para participar na fase estatal as diferentes seccións deberán comunicar a SEECGALICIA os datos dos equipos gañadores das súas respectivas seccións antes do martes 20 de abril.

XXVII. Os equipos gañadores nas súas respectivas Seccións competirán entre sí nunha fase estatal, cun “preguntón” que será publicado na tarde do mércores 21 de abril na web do concurso.

XXVIII. Esta fase estatal terá lugar nas dependencias do centro gañador o, se non é posible, nun centro designado pola organización, e será vixiada por un responsable da mesma. Os participantes deberán presentar o seu DNI e non se permitirá o uso de teléfono móvil, chats, redes sociais ou correo electrónico, nin a visita de persoas alleas ao concurso.

XXIX. O resultado provisional publicarase el venres 23 de abril, quedando este día para atender as reclamacións, se as houbese.

XXX. O resultado final desta fase estatal farase público o luns 26 de abril. A resolución definitiva das reclamacións realizada pola Organización do concurso será inapelable.

XXXI. O Xurado estará composto polos membros da organización designados polas diferentes seccións da SEEC e APLEC.

XXXII. Establécense os seguintes premios na fase local, aportados por SeecGalicia:

XXXIII. Establécense os seguintes premios na fase estatal, aportados pola SEEC:

XXXIV. A entrega de premios aos gañadores do Concurso en Galicia terá lugar no mes de marzo ou abril.

XXXV. Calquera reclamación ou consulta deberá ser xestionada directamente polo profesor responsable do grupo. Non se terán en conta as reclamacións realizadas directamente polos alumnos ou outros profesores. Calquera reclamación deberá ir contrastada por fontes fiables, non aceptándose reclamacións sen bibliografía de referencia. En caso de calquera reclamación ou consulta, ésta se dirixirase ao seguinte enderezo electrónico: secretaria@seecgalicia.org

XXXVI. As bases e o calendario do concurso poderán ser modificados pola organización en caso de forza maior (temporais, avería informática, etc.).

XXXVII. A inscrición no Concurso Odisea supón a total aceptación das presentes Bases.

 

CALENDARIO

Do lunes 11 de xaneiro de 2021 ata o venres 19 de marzo de 2021: inscrición dos equipos na páxina do concurso <http://www.odiseaconcurso.org>.

Luns 22 de marzo, martes 23 de marzo e mércores 24 de marzo: As “preguntas” publicaranse na web do concurso ás 9:30 horas e deberán ser contestadas polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:30 h. do día seguinte.

Xoves 25 de marzo: O “preguntón” coas súas “preguntas-pista” será publicado a partir das 9:30 h. e deberá ser contestado polos equipos inscritos nun prazo máximo de 24 horas, é dicir, antes das 9:30 h. do día seguinte.

Venres 26 de marzo. Publicación do resultado provisional da primeira fase local. Atención de reclamacións.

Luns 29 de marzo. Publicación do resultado final desta primeira fase local.

Martes 13 de abril. Data límite para que os centros comuniquen á organización o equipo que participa no desempate local no caso de que non puidese participar o equipo clasificado en primeiro lugar, tal e como se especifica no punto XX das Bases. A comunicación realizarase ao enderezo secretaria@seecgalicia.org.

Mércores 14 de abrilDesempate local entre equipos empatados a puntos cun novo “preguntón que se publicará na páxina do concurso ás 17:00 horas e terá que ser contestado antes das 20:00 horas.

Venres 16 de abril, publicación do resultado provisional deste desempate. Atención de reclamacións.

Luns 19 de abril, publicación do resultado final do desempate, e por conseguinte, da fase local do concurso.

Martes 20 de abril, data límite para a comunicación a SEECGALICIA dos gañadores das diferentes seccións.

Mércores 21 de abril, competición entre os equipos gañadores das diferentes Seccións mediante un “preguntón” que se publicará na páxina do concurso ás 17:00 horas e terá que ser contestado antes das 20:00 horas.

Venres 23 de abril, publicación do resultado provisional da fase estatal. Atención de reclamacións.

Luns 26 de abril, publicación do resultado final da fase estatal.

Mes de marzo ou abril: Entrega de premios aos gañadores do concurso en Galicia.

Santiago de Compostela, decembro de 2020